A miña menstruación. Rompendo tabús. Este é o título dunha nova publicación realizada polas investigadoras e profesoras da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Yolanda Rodríguez, Rosana Martínez e María Lameiras. Trátase, sinalan, dunha guía que “ten como finalidade recoñecer e visibilizar a menstruación e con iso o dereito á saúde menstrual das nenas e mulleres”.
Os contidos sobre a regra, detallan as autoras do libro, membros do Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, “deben incorporarse desde o ámbito da saúde e non da hixiene, o que implica abordar a menstruación desde as dimensións física, psicolóxica e social”. Tendo en conta esta consideración, sinalan, con este material coeducativo propóñense varios obxectivos. En primeiro lugar, está incrementar os coñecementos sobre a fisioloxía da regra desde o seu inicio, na etapa da puberdade (menarquia), ata a súa finalización na etapa adulta (menopausa). En segundo lugar, está promover actitudes positivas cara ela e contribuír a eliminar os mitos e falsas crenzas así como os estigmas que aínda están presentes na sociedade sobre este tema.